martes, 24 de xaneiro de 2017

Educar en valores

Chegamos a clase como profesoras e rapidamente dividimos ao alumnado en dous grupos; a cada un entregámoslle un papel distinto, e pedímoslles que mediten ben sobre el antes de atreverse a enunciar unha descrición ante os demais. ¿Que vos parece?



Así comezamos unha das nosas clases con Luz. Nun primeiro momento, desconcertadas, non entendiamos ben o obxectivo do exercicio. Pero despois comprendimos que a partir desta actividade recurrimos a toda unha serie de vocabulario referente á cor, á textura, ao olor, o tamaño, así como o emprego de expresións de opinión e de probabilidade. Practicamos a lingua, unha vez máis, mediante unha actividade que non fixaba o foco de atención no propio idioma senón en algo que se nos presentou dunha maneira atractiva, mediante a intriga e o efecto sorpresa: ao rematar, Luz explicounos a orixe de cada un dos papeis. Un fora creado a partir dun tipo de pedra, e o outro a partir de excrementos de alce. Quedamos abraiadas, tanto polo efecto escatolóxico como pola textura tan distinta e especial do que proviña da pedra: ese papel volvíase flexible, pero á vez era duro e difícil de romper, e tiña un olor ácido. Resultounos incrible, e o mellor de todo era que ambos procedían dun proceso de reciclaxe.

É importante aproveitar as nosas clases para introducir outro tipo de contidos tan importantes como pode ser, neste caso, a ecoloxía. Un tema de actualidade, pertinente, que forma parte da súa realidade e que é importante que tomen conciencia sobre el. A educación en valores non ten a sorte de constituír unha asignatura propia pero penso que é a nosa responsabilidade atoparlle un lugar dentro da nosa. O patriarcado, a homofobia, o clasismo e racismo, o respeto aos maiores, a sexualidade, o manexo responsable das TICs, ... existen infinitos temas que poden funcionar como exe das nosas clases e a partir dos cales crear as actividades. Propoño o seguinte exemplo:

Comezamos a clase pedindo unha chuvia de ideas de todo o que nos suxire a vellez (vocabulario descriptivo da personalidade, de estados de ánimo, de actividades); a continuación, proxectamos un pequeno vídeo que reflicta a exclusión social e a soidade que padecen os nosos avós (exercicio de comprensión auditiva); despois, reflexionamos sobre aqueles aspectos que deberiamos cambiar (expresión de consellos e obrigas); e, por último, traballamos sobre a construcción de enunciados políticamente correctos, quero dicir, sobre as diferentes formas en que se poden dicir as cousas para non resultar insensibles ou ameazantes (expresións de cortesía). Esto é so un pequeno esbozo dunha posible idea a levar a cabo, pero penso que pode ser suficiente para demostrar que a ensinanza dunha segunda lingua é perfectamente compatible cunha educación en valores.

1 comentario:

  1. Por suposto, non só é compatible senón que é necesario introducir os valores nau aula de L2. É a nosa responsabilidade como profesoras.

    ResponderEliminar